Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tírase á auga e logra salvar un condutor que caera ao mar en Rianxo

Tírase á auga e logra salvar un condutor que caera ao mar en Rianxo

Lorenzo Torres decidiu actuar ao ver que o condutor non saía do vehículo

O coche afundiu en cinco minutos, o tempo para sacar a vítima con vida

G24.gal 31/12/2023 18:50 Última actualización 31/12/2023 19:59

Lorenzo Torres estaba onte ás sete da tarde aparcado a carón do mar agardando a que o tempo amainase para saír do vehículo cando viu que un coche que entraba na rotonda ía directo á auga.

"Vin o coche ir moi amodo e caer ao mar. Non ía rápido, pero había temporal, as luces estas son laranxas e non se ve moi ben e o home non viu que saía para fóra e caeu. Outro home viu o accidente comigo e empezamos a berrarlle ao señor para que abrise a porta porque a marea esta alta de todo e pouco a pouco o coche afundía. Afortunadamente o home abriu a porta e quitou o cinto pero cando abriu empezou a entrar moita auga e eu creo que estaba moi asustado e non saía do coche. Estaba agarrado á porta e non saía", relata.

Foi aí cando Lorenzo decidiu botarse á auga.

"Cando cheguei ao seu lado intentei tranquilizalo, díxenlle que se agarrase a min que saiamos os dous de aquí. Trataba de tranquilizalo para que non foramos os dous para o fondo, porque se lle entrase pánico sería moito peor. O señor agarrouse a min e fixen todo o posible por subir por unha escaleira que hai aí. O momento en que se agarrou xa foi un alivio porque o peor xa pasara e só quedaba saír para arriba e xa estaba", di satisfeito. 

Lorenzo compartía, con humildade, o mérito do seu rescate cos veciños que chamaron aos servizos de urxencia sendo consciente de que rematou o ano salvando unha vida. 

"Dicirlle ao señor, que non o coñezo, que se recupere pronto, que non pasou nada, que só foi un susto e que espero que todo lle vaia ben, a el e a toda a xente que axudou".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade