Xantar, o salón de turismo gastronómico, chega ao cuarto de século
Xantar, o salón de turismo gastronómico, chega ao cuarto de século
Ademais de acoller varios restaurantes, a feira é unha mostra dos produtos culinarios máis singulares da nosa xeografía
A Xantar hai que vir co estómago baleiro. En Casa Posto, persuádennos con algún petisco. En Melgaço, por exemplo, non podía faltar o bacallau, preparado das máis variadas maneiras.
"Innumerables, todos os días inventan unha cousa nova con bacallau", di Susana Ferreira, representante de Melgaço.
A poucos metros de Melgaço, chegamos a Muxía, onde cocen a ritmo lento arroz de congro con allo e améndoas. Non é un congro calquera, é congro curado, dos únicos secadoiros que quedan na península. Un produto excluviso moi difícil de probar.
"Ou o come aquí ou non hai onde ir comelo. A Muxía ten que ser por encargo", conta Santiago Pérez, percebeiro.
O queixo ten tamén moito protagonismo nas degustacións. Na aldea modelo de Xacebáns, en Quintela de Leirado, experimentan cun queixo de temporada en colaboración coa universidade de Vigo.
"A diferenza que hai nos queixos entre a primavera, o outono e o inverno radica nos pastos, na alimentación do gando. Aí é onde a universidade vai facer a tarefa de investigar", asegura Julio José Alonso Feijóo, de Queixos Feijóo.
E de sobremesa, probamos o único té verde de produción galega. O té areeiro.
"Moi pouco oxidado, moi fresco... cun sabor moi floral... hai quen di que sabe a algas", explica Pilar Vela, bióloga da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
Tamén hai 4 restaurantes, coas súas cociñas, a proposta máis representativa deste salón que arrincou hai xa un cuarto de século.