Publicador de contidos
Publicador de contidos

O sector pesqueiro anuncia mobilizacións contra o mapa da eólica mariña

O sector pesqueiro anuncia mobilizacións contra o mapa da eólica mariña

Galicia e Asturias fan fronte común ante un plan que, din, acabará coa pesca e danará os ecosistemas mariños

G24.gal 01/03/2023 14:50

Un golpe á pesca e aos ecosistemas mariños. Din as confrarías de Galicia e de Asturias que os plans de ordenación do espazo mariño, aprobados polo Consello de Ministros, fixéronse de costas ao sector pesqueiro.

"É un tiro á liña de flotación da pesca española. Estabamos afeitos a que Europa nos puxera atrancos pero o que non contabamos é que o noso propio goberno se sumara", di Basilio Otero, desde a Plataforma en Defensa da Pesca.

As zonas que define o mapa da eólica mariña coinciden cos caladoiros nos que desenvolve a súa actividade a frota do arrastre e mesmo é zona de paso para os barcos do Gran Sol. Por iso piden a retirada do plan.

"É un ecocidio porque ataca directamente aos ecosistemas mariños. Temos unha riqueza en biodiversidade impresionante e iso non se respectou", cre Torcuato Teixeira.

A folla de ruta para a enerxía eólica mariña sitúa Galicia con Asturias como zona prioritaria e unha das de maior capacidade de xeración de España.

"Todos os sectores implicados teñen que ter unha opinión. Son zonas previstas de inicio. A partir de aí hai que presentar os estudos ambientais para chegar a un futuro próximo de cinco anos e saber o que se pode poñer", asegura Manuel Pazo, presidente da Asociación Eólica de Galicia.

Desde as empresas apostan por conciliar os intereses dos sectores afectados porque din que hai en xogo milleiros de postos de traballo.

"Aproveitar esta oportunidade única para Galicia. Por iso Parque Nordés reforzará o diálogo cos sectores clave como é a pesca para buscar a compatibilidade de usos", afirma Helena Brage, directora comercial parque Nordés.

A Plataforma en Defensa da Pesca pide a dimisión da ministra para a Transición Ecolóxica e anuncia mobilizacións para a próxima semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade