O Sergas citou máis de 3.000 nenos para vacinarse da gripe esta fin de semana en Santiago
O Sergas citou máis de 3.000 nenos para vacinarse da gripe esta fin de semana en Santiago
Remata con éxito o programa de vacinación da gripe aos menores de cinco anos que o Sergas estuda estender ás demais áreas sanitarias co obxectivo de darlle un empurrón á inmunización da poboación pediátrica
As dúas primeiras xornadas de vacinación masiva da gripe dirixidas á poboación infantil remataron no hospital clínico de Santiago. Neste programa piloto había citados preto de 3.300 nenos e nenas menores de 5 anos.
"O que pretendiamos é que os pais puidesen acceder de forma doada á vacina e aumentar a cobertura da vacina da gripe sobre todo nese grupo de idade de seis meses a cinco anos, que a priori non son pacientes de risco pero si son uns grandes transmisores da enfermidade", afirma a pediatra Susana Rey.
O Sergas estima que o pico da gripe podería chegar dentro dunhas semanas e quere darlle un pulo á vacinación da poboación pediátrica. O 27 por cento dos menores de 5 anos recibiron xa a inxección.
"A poboación galega ten a sorte de que a vacina se incluíu na campaña oficial e que somos a primeira comunidade que levamos adiante esta vacinacion da gripe, que ademais é unha enfermidade que agora mesmo está entre os nenos e os adultos. Nos centros de saúde están case o dobre da demanda de consultas que hai un mes e os centros de urxencias pediátricas tamén, di Susana Rey.
A experiencia piloto desta fin de semana en Santiago podería estenderse nos vindeiros días a outras áreas sanitarias.