Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tráfico di que o accidente en que faleceu Jéssica Méndez foi "consciente e voluntario"

Tráfico di que o accidente en que faleceu Jéssica Méndez foi "consciente e voluntario"

Os axentes da Garda Civil que fixeron o informe sobre o sinistro aseguraron durante o xuízo que non atoparon marcas de freada na calzada e que o acusado xirou cara ao vehículo da vítima un segundo antes de chegar á súa altura

G24.gal 14/03/2024 14:27 Última actualización 14/03/2024 14:48

Esta mañá declararon ante o tribunal os gardas civís que estiveron no lugar do sinistro.
Dous deles foron os que lle realizaron as probas de alcoholemia e de drogas a José Carlos Eirín. Dixeron que as dúas deron resultado negativo. Outro dos aspectos salientables do seu testemuño é que non atoparon marcas de freada na calzada.

Sobre un esbozo do lugar do sinistro indicaron que a colisión foi nunha recta en que había entre 400 e 500 metros de visibilidade, que o coche de Jéssica estaba parado e a máis dun metro da estrada principal no momento da colisión e que a traxectoria que seguiu o Seat Toledo de Eirín indica unha desviación progresiva que implica control do volante por parte do condutor.

No esbozo tamén sinalaron que o Seat Ibiza de Jéssica foi desprazado máis de 16 metros do lugar onde estaba parado.

A modo de conclusión, un dos axentes sinalou que todas as probas recadadas indican que foi un accidente viario consciente e voluntario.

Os peritos da Garda Civil de Tráfico que se encargaron da reconstrución do sinistro aseguran que tras realizar tres simulacións estiman que o coche do acusado ía pola nacional 550 sentido Coruña a 81 quilómetros por hora e que cando quedaba un segundo para chegar á altura do vehículo da vítima xirou o volante cara á dereita. Tamén sinalaron que os danos estruturais do turismo de José Eirín non se corresponden cos dunha freada de emerxencia.

Nesta xornada tamén está previsto que declare o perito da defensa. Mañá será a quenda dos informes finais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade