Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo desbota o recurso do Goberno contra o plan de marisqueo galego

O Supremo desbota o recurso do Goberno contra o plan de marisqueo galego

O alto tribunal condena a Administración estatal a pagar as custas do proceso duns 1.000 euros á Xunta e 150 euros en favor de cada unha das partes implicadas

G24.gal 20/01/2023 16:09

O Tribunal Supremo dálle a razón ao Goberno galego no plan sobre o marisqueo. Decidiu non admitir o recurso de casación presentado pola avogacía do Estado sobre a orde da consellería do Mar, ao considerar que esta regulación está dentro do dereito autonómico.  

O Ministerio de Transición Ecolóxica entendía que a Xunta tiña que pedirlles permiso para regular as zonas de extracción. Pero agora o tribunal négao. Di que o Goberno galego actuou correctamente no exercicio das súas competencias. 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana asegurou que a Xunta está "tremendamente satisfeita co resultado" que supón unha "tranquilidade" para o sector marisqueiro.

A Administración do Estado presentaba un recurso en contra da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que avalou esa orde da Consellería, despois de que o requirimento estatal para a súa derrogación fose desestimado pola Secretaría xeral técnica de Mar do Goberno autonómico.

Ademais, o alto tribunal condena á administración estatal a pagar as costas do proceso duns 1.000 euros á comunidade autónoma e 150 euros en favor de cada unha das partes implicadas.

Rosa Quintana salientou que na sentenza do TSXG xa quedaba "perfectamente claro" que Galicia estaba actuando "dentro das súas competencias exclusivas" ao regular a actividade do marisqueo e que o Ministerio de Transición Ecolóxica "non tiña nada que facer".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade