O Supremo rexeita os permisos dobres en familias monoparentais
O Supremo rexeita os permisos dobres en familias monoparentais
Anula a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi que lle recoñecía a unha muller o dereito a oito semanas adicionais de permiso
Esta resolución unifica doutrina
O Tribunal Supremo rexeita que nunha familia monoparental a nai ou o pai poida sumar ao permiso por nacemento e coidado do menor ao que ten dereito o que lle correspondería ao outro proxenitor,
A sentenza, feita pública este mércores, unifica doutrina ante a disparidade de resolucións xudiciais previas. O Supremo responde a un recurso de casación presentado pola Fiscalía, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi condenara a Seguridade Social e recoñecera a unha nai soa o seu dereito a oito semanas adicionais de permiso.
O Alto Tribunal estima o recurso ao entender que é o lexislador o responsable en exclusiva do réxime de prestacións da Seguridade Social e lembra ademais que, ao reformar recentemente a lei do aborto, rexeitouse no Senado "por maioría esmagadora" unha emenda que buscaba precisamente que as nais soas puidesen acumular ambos os permisos.
Para os maxistrados, confirmar a sentenza recorrida supoñería crear unha prestación contributiva nova en favor dos proxenitores de familias monoparentais e prexudicaría os empregadores, obrigados a soportar unha duración maior da suspensión contractual prevista expresamente na lei.
Voto particular
O maxistrado Ignacio García-Perrote asina un voto particular discrepante coa maioría ao considerar que o interese do menor é "de obrigada consideración primordial" e no que tamén reivindica a aplicación da lei con perspectiva de xénero, como o Supremo fixo noutras resolucións. "A afectada é muller, a nai biolóxica, e consta que é a única proxenitora.
Numerosos xulgados recoñeceran ata o de agora o dereito das nais de familias monoparentais a gozar dun segundo permiso, pero había tamén maxistrados discrepantes. O Supremo pon con esta resolución fin ao debate. En España hai case dous millóns de fogares dun só proxenitor con fillos e máis do 80 % deles están encabezados por mulleres.