O xuíz envía a prisión o mozo que acoitelou no peito a outro home en Lugo
O xuíz envía a prisión o mozo que acoitelou no peito a outro home en Lugo
Foi imputado como investigado por un suposto delito de lesións agravadas
A vítima, un home de 41 anos, permanece ingresada no HULA
O titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo ordenou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, do rapaz duns 20 anos que foi detido a noite do sábado para o domingo na cidade de Lugo como sospeitoso de asestarlle varias puñaladas a un home que tentou mediar nunha pelexa.
O mozo pasaba á primeira hora desta mañá ao dispor da autoridade xudicial, tras dous días baixo custodia na Comisaría Provincial do Corpo Nacional de Policía. Foi imputado como investigado por un suposto delito de lesións agravadas.
A vítima, un home de 41 anos, permanece ingresada no HULA á espera de ver como evolucionan as súas feridas. Por mor da agresión, recibiu polo menos unha puñalada directa no peito, ademais de sufrir varios cortes debidos aos seus intentos por defenderse.
O sospeitoso foi detido practicamente no momento polas patrullas de policía que se desprazaron de inmediato ao lugar da agresión, nas inmediacións dun local de hostalería na rúa Serra de Outes.
A vítima, que foi auxiliada por outras persoas, recibiu os primeiros auxilios por parte de persoal sanitario do PAC de Lugo e, posteriormente, foi evacuado por unha ambulancia do 061 ao HULA.