Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xulgado prorroga seis meses a instrución do caso Déborah

O xulgado prorroga seis meses a instrución do caso Déborah

A xuíza xustifícao a fin de coñecer o resultado do exame do teléfono móbil de Déborah e da proba de ADN do investigado

A familia lembra que o teléfono non ten tarxeta SIM, e a acusación particular desistiu da proba de ADN por medio dun escrito o pasado día 14 de xullo

G24.gal 20/07/2023 18:46

O Xulgado de Instrución Número 2 de Tui emitiu un auto en que decide prorrogar seis meses a instrución da causa pola desaparición e morte de Déborah Fernández-Cervera, a moza viguesa que apareceu morta nunha cuneta no Rosal en 2002.

A maxistrada substituta do Xulgado de Instrución 2 expón que esta decisión se basea no Informe do Ministerio Fiscal, que solicita a prorrogación a fin de coñecer o resultado do exame do teléfono móbil de Déborah e da proba de ADN do investigado.

Con todo, como lembran os avogados da familia da vítima nun comunicado, o teléfono non ten tarxeta SIM, e a acusación particular desistiu da proba de ADN por medio dun escrito o pasado día 14 de xullo.

Esas dúas circunstancias non as menciona a xuíza instrutora no seu auto, e por ese motivo os letrados da familia de Déborah, que recorreron contra o auto, mostraron a súa sorpresa.

"Volvemos preguntarnos novamente: se a Fiscalía entende que non hai etioloxía homicida, que sentido ten todo isto?", pregúntanse.

A semana pasada, a familia de Déborah trasladou ao xulgado a súa oposición a que se prorrogase a instrución e, en consecuencia, solicitou o sobresemento provisional da causa se se entendía que non había elementos para abrir o procedemento de xurado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade