Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ofrecían citas sexuais para logo chantaxear os clientes pedíndolles diñeiro

Ofrecían citas sexuais para logo chantaxear os clientes pedíndolles diñeiro

Ameazaban con matalos a eles e as familias se non pagaban as altas cantidades que reclamaba a rede

Hai cinco detidos en Galicia e Valencia, entre eles o líder da banda, arrestado na Coruña

G24.gal 25/07/2023 16:15

A Garda Civil detivo na Coruña e Valencia tres mulleres e dous homes acusados de pertencer a unha organización criminal dedicada á sextorsión e que ameazaba as vítimas con matalas tras ofrecerlles citas sexuais se non abonaban altas cantidades de diñeiro.

O instituto armado explicou nun comunicado que os detidos ofrecían citas que nunca chegaban a producirse, pero, con todo, desde o momento no que o cliente se interesaba polo servizo, o grupo criminal empezaba a reclamarlle altas cantidades económicas baixo ameaza de facerlles dano a eles ou á súa familia.

As tres mulleres publicitábanse por redes sociais ofrecendo encontros sexuais e, cando algún interesado contactaba con elas, entraba en xogo un dos homes, esixindo unha transferencia para o pago dos servizos sexuais, ante a ameaza de que mataría a vítima e a súa familia se non realizaban o pago.

O autor dáballe ao extorsionado suficiente información persoal para que vise que o tiñan situado: chamábao polo seu nome, dicíalle o tempo que tardarían os sicarios en chegar ata a localidade en que se atopaba ou ameazábao co seu traballo ou familia. 

Temendo pola súa vida, as vítimas non dubidaban en acceder aos pagos.

A Garda Civil sinalou que, aínda que a cita nunca levaba a cabo, primeiro pedían unha cantidade para aboar o tempo perdido da muller e, en canto a vítima o pagaba, os autores reclamábanlle outra cantidade superior para pagar varios sicarios, e así sucesivas reclamacións ata que o extorsionado quedaba sen saldo dispoñible. De feito, un mesmo prexudicado chegou a aboar 11.500 euros.

Tras unha investigación iniciada en Alacant despois da denuncia dun veciño, bloqueáronse catro contas bancarias e recuperáronse 6.000 euros, ademais de deter cinco persoas, entre elas o líder, un home de 49 anos que dirixía as funcións do resto desde A Coruña.

As dilixencias foron postas á disposición do Xulgado de Instrución número 5 de Alacant.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade