Aumenta a demanda de persoal coidador a domicilio
Aumenta a demanda de persoal coidador a domicilio
Oito de cada dez persoas prefire envellecer na casa
O envellecemento da poboación reforza a demanda de persoal coidador a domicilio en Galicia. Atender as súas necesidades no fogar de xeito personalizado é un reto para as Administracións que tamén asumen empresas privadas.
Cunha esperanza de vida que medra por riba dos 83 anos en Galicia, a demanda de profesionais para coidar maiores na casa é hoxe superior á que foi décadas atrás.
O 82 % da poboación española prefire envellecer no seu fogar, segundo un estudo da Organización de Consumidores. As empresas do sector constatan esa realidade.
"Buscamos captar coidadores para poder seleccionar os mellores profesionais que se adapten ás necesidades de cada familia en cada caso", asegura Luís Carrascosa, director de Ayudania.
"O que buscamos son xente con experiencia e unha formación que se adapten ás necesidades. Hai situacións máis sinxelas de acompañamento en soidade non desexada que non requiren unha formación tan específica coma nos casos de grandes dependentes de enfermidades, casos diferentes moito máis complexos que requiren dunha formación moi completa", explica.
"O noso valor diferencial é poñer o foco non só no coidado das persoas, que as necesidades estean cubertas, senón tamén no seu estado de ánimo. Por iso estamos facendo investimentos utilizando recursos para poder tomar vantaxe dos recursos que nos permite a tecnoloxía a través de intelixencia artificial. Coma na nosa casa non se envellece en ningún sitio".
Ofertar unha atención de calidade no domicilio é un reto para as administracións e unha vía de negocio crecente para o sector privado. Hoxe un de cada catro galegos ten máis de 65 anos.