Os axentes que sobreviron ao ataque dunha narcolancha en Barbate relatan a escaseza de medios
Os axentes que sobreviron ao ataque dunha narcolancha en Barbate relatan a escaseza de medios
Os catro gardas civís que sobreviviron á embestida dunha narcolancha en Barbate compareceron diante da xuíza, e o seu relato dos feitos chegaba a distintos medios de comunicación nas últimas horas
A declaración dos axentes fundamentou a denuncia da asociación Jucil contra cargos da Garda Civil por presunto delito de homicidio por imprudencia
"No momento do impacto si que vemos claramente que veñen de lonxe, sen cambiar a traxectoria, ían por nosoutros".
Son as declaracións dun dos catro gardas civís que sobreviviron a arremetida dunha narcolancha a principios de febreiro en Barbate, en Cádiz. No ataque faleceron dous axentes. Ante a xuíza lamentou que a misión non estivera clara e que o os equipamentos con que traballaron esa noite foran escasos.
"Entregáronnos dous cascos para protexer a cabeza e indícannos que fagamos o que poidamos. A única protección eran as nosas armas curtas. A dimensión da barca en que íamos non estaba preparada para ese cometido, de ningunha das maneiras", conta.
Da barca tamén falou outro axente. Dixo que aínda que viaxasen nunha de maior tamaño o resultado sería o mesmo e que informou os superiores do risco da misión: "Se fósemos con outra embarcación máis grande o resultado sería o mesmo, porque tiñan a intención de pasarnos por riba, fora unha embarcación de cinco, de oito metros ou outro tipo de embarcación. Son embarcacións enormes e están preparadas para iso, para cortar a auga e para ir con grandes ondas", di.
Tras estes testemuños, a asociación Jucil denunciou o xefe da Garda Civil de Cádiz e o xeneral xefe de Andalucía por un presunto delito de homicidio por imprudencia.
O atestado policial demostrou que os detidos tras o suceso non eran os tripulantes da narcolancha, pero seguen en prisión por outros delitos de contrabando.
Os presuntos autores do crime foron identificados, e os investigadores traballan para lograr detelos.