Os dous irmáns acusados do crime de Toques decláranse inocentes
Os dous irmáns acusados do crime de Toques decláranse inocentes
Xúlganos por matar supostamente un veciño e queimar o seu coche para encubrir o crime
Na Coruña, este mércores declararon na Audiencia Provincial os dous irmáns acusados de matar un veciño e queimar o seu coche.
Ambos dixeron que eran inocentes de todos os delitos polos que son investigados.
As súas palabras oíronse antes de comezar o xuízo cando, seguindo o protocolo, o maxistrado lles preguntou se eran autores dos feitos que se xulgaban.
Porén haberá que agardar ata a derradeira xornada do xuízo para escoitar a súa versión dos feitos.
Amais, neste segundo día da vista oral, as primeiras testemuñas citadas eran a muller e cuñada e a filla e sobriña dos dous irmáns acusados dun delito de homicidio, e ambas as dúas acolléronse ao seu dereito a non declarar.
Estaban citados tamén veciños dos procesados e da vítima, que deron conta da súa mala relación.
A fiscalía, na súa exposición inicial, explicoulles aos membros do xurado que, segundo os forenses, a causa da morte foi homicida porque o cranio do falecido tiña tres furados.
O xuízo prolongarase ata o venres, 14 de xullo, que será cando declaren os tres investigados.