Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os fillos do home supostamente asasinado en Monfero din que non tiña alzhéimer e que puido suicidarse

Os fillos do home supostamente asasinado en Monfero din que non tiña alzhéimer e que puido suicidarse

A psiquiatra que atendeu a investigada dixo que a muller "estaba desbordada pola situación e que pensaba que a mellor solución era acabar coa vida dos dous"

A fiscalía pensa que a acusada acabou coa vida do home de xeito unilateral, non porque se puxesen de acordo

G24.gal 17/04/2024 16:05

Segunda xornada na Audiencia Provincial da Coruña do xuízo contra unha veciña de Monfero acusada de matar con medicamentos o seu home, que padecía alzhéimer. 

O primeiro dos tres fillos da acusada comezou a declarar pasadas as once e media da mañá e negou que seu pai estivese diagnosticado de alzhéimer. Dixo que sufrira microinfartos, pero que isto non lle impedía levar unha vida normal, mesmo concretou que facía labores como ir á compra ou cortar o céspede.

Fillo da acusada: "Seu pai tiña alzhéimer?". "Ao principio sospeitaban disto, pero foron microinfartos". "El falaba, trabábase, pero entendía perfectamente o que se lle dicía". 

Asegurou tamén que nunca vira agresivo a seu pai. Outro dos fillos manifestou que seu proxenitor lle chegou a dicir que, para estar así, era mellor non estar vivo.

Nesta sesión declarou tamén a psiquiatra que atendeu a acusada tras os feitos. Manifestou que, como coidadora, a procesada estaba moi desbordada e que non llo quería dicir á súa familia para non cargalos co problema. Contoulle que el se negaba aos coidados e, que ao final, semella que a agredía. Segundo declarou, cre que ese momento de acabar coa vida dos dous foi impulsivo, pero que non sabía se eles xa o tiñan falado previamente. 

Para a fiscalía, non hai dúbidas. Di que a acusada acabou coa vida do home, de xeito unilateral, porque o considerou oportuno, non porque se puxeran de acordo.

Fiscalía. "A morte que provoca Josefa é aleivosa, porque el era unha persoa especialmente vulnerable e porque os medios que empregou tenden a asegurar ese resultado".

Acúsaa dun delito de asasinato e pide para ela 26 anos de cadea. A defensa solicita a libre absolución.

"Non estamos ante un crime de Josefa fronte ao seu marido. O que realmente aconteceu foi que Carlos e Josefa decidiron de mutuo acordo poñerlle fin ás súas vidas", explica José Manuel Campo Moscoso, avogado da defensa.

O xuízo, que se celebra con xurado popular, continúa mañá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade