Os inquilinos dun piso de Lugo extorsionan o dono para desocupalo
Os inquilinos dun piso de Lugo extorsionan o dono para desocupalo
Esíxenlle 5.000 euros para deixar libre a vivenda, que non pagaron en 18 meses
A Policía Local retira do garaxe un coche que usaban ao descubrirse que era roubado
A Policía Local de Lugo retirou un coche roubado que se encontraba nun garaxe da rúa Santo Grial, no barrio da Piringalla. O vehículo estaba a ser empregado polos inquilinos dun piso do mesmo edificio, que levaban un ano e medio sen pagarlle a renda ao seu propietario, ao que lle debían 12.000 euros.
Tras ser extorsionado, xa que lle esixían 5.000 euros para abandonar a vivenda, decidiu recorrer aos servizos dunha empresa de desocupación, que denunciou no 091 que a banda estaba a empregar matrículas falsas.
Francisco Ojea, xerente dunha empresa de desocupación: "Nun dos días que vixiamos vimos que un coche saía con diferentes matrículas. Onte entramos no garaxe para facer unhas fotos e atopamos varias matrículas no chan. Chamamos a Policía Nacional, entrou e comprobou que o coche era roubado".
A retirada do vehículo roubado prolongouse durante dúas xornadas, ao ser preciso un guindastre de dimensións especiais para acceder ao segundo soto. Dada a presenza de varias patrullas policiais, a operación chamou a atención dos veciños.
A investigación policial, que proseguiu co rexistro dunha nave en Ramil, continúa aberta.