A Garda Civil determinará as causas do incendio no polígono de Vilalba
A Garda Civil determinará as causas do incendio no polígono de Vilalba
Os servizos de extinción traballaron arreo e deron por controladas as lapas de madrugada
As naves calcinadas continuarán fumegando durante días, ata arrefriaren por completo
Os servizos de emerxencias estiveron a traballar arreo na extinción do incendio no polígono industrial das Sete Pontes de Vilalba, ata dalo por controlado xa entrada a madrugada. O lume arrasou por completo dúas naves dunha empresa de reciclaxe que almacenaba plásticos e cartón.
Debido ás altas temperaturas acadadas, mesmo rebentaron as paredes.
Ignacio Martínez, sarxento dos bombeiros de Vilalba: "A sorte que tivemos foi a dirección do vento. Aquí normalmente sopra do norte, que metería todo para atrás, pero onte sopraba do lado contrario. Iso e mais o esforzo do persoal do polígono servindo a auga".
Nos labores de extinción das lapas participaron os bombeiros de catro parques comarcais, efectivos da AXEGA, dos GES de Friol e de Monterroso, Protección Civil e medios do distrito forestal, ademais de diversas empresas da zona.
A Xunta chegou a activar o Plan territorial de emerxencias para coordinar o dispositivo, que tamén contou con medios aéreos.
Pepe Franco, Protección Civil de Vilalba: "Medio Rural coincidiu que ten a nave aquí en fronte e tamén trouxo auga dende os hidrante máis próximos. E no momento que se decreta o nivel 2 do PLATERGA, xa se activan outros equipos de intervención de fóra da comarca".
Foi á media tarde cando se alertou do lume. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais, posto que as naves afectadas foron desaloxadas axiña, ao igual cás das empresas lindeiras.
Nicolás Ferreiro, xerente dunha empresa de arrendamento de vehículos: "Decatámonos do incendio contra as seis, alertamos o persoal da planta de reciclaxe e avisamos os bombeiros".
Yago Janeiro, encargado dun concesionario: "Entón viñemos correndo e decidimos sacar todo para fóra porque corriamos un risco moi grande".
Lorena Prieto, xefa dun taller de mecanizados: "A calor afectou un caleiro traseiro e mais as chapas da fachada. Nada excesivamente grave, para o que puido ser".
Prevese que as naves calcinadas continúen fumegando durante varios días ata arrefriaren por completo, polo que permanecerán baixo supervisión. Tocante ás causas do incendio, encargaranse de determinalas os investigadores da brigada xudicial da Garda Civil.