Lesly, de 13 anos, mantivo os irmáns con vida na selva durante 40 días
Lesly, de 13 anos, mantivo os irmáns con vida na selva durante 40 días
Os menores estaban a cinco quilómetros do avión accidentado, no que morreu a nai, o piloto e un amigo da familia
A adolescente coñecía os segredos do Amazonas porque formaba parte da comunidade indíxena huitoto
Desde todas as partes do mundo séguese con expectación o caso do rescate dos catro menores perdidos na selva amazónica de Colombia durante 40 días. Nun hospital militar de Bogotá reciben atención médica e puideron reunirse coa súa familia.
"Están moi acabadiños pero sei que están en boas mans", explicaba o avó dos cativos, Fidelcio Valencia.
"As condicións clínicas son aceptables a pesar do que viviron nos últimos 40 días", indicaba o director do hospital, Juan José López.
Son tres nenas e un neno, do grupo indíxena huitoto. Teñen 13, 9, 4 anos e a más cativa fixo un mentres andaban sen rumbo pola selva. Foron 40 días sós e sen medios nunha contorna hostil, pero a familia mantiña a esperanza de que a maior ía ser quen de mantelos a todos vivos.
"Ela sempre os coidaba cando a mamá traballaba e calquera froita do monte, eles saben que deben de tomar", explicaba a avoa, Fátima Valencia.
O presidente do país Gustavo Petro tamén se achegou ao centro hospitalario para visitalos.
"Un exemplo de supervivencia total que quedará na historia", subliñaba.
Os nenos acabaron perdidos na selva ao seren os únicos superviventes do accidente de avión en que viaxaban coa súa nai, o piloto e outro adulto. Os equipos de rescate tardaron días en localizar o aparello, cos cadáveres dos maiores dentro.
Ao decatárense de que os cativos non estaba, emprenderon a súa busca. No operativo participaron máis dun cento de soldados, apoiados por indíxenas da zona.
"Os nosos soldados e indíxenas percorreron aproximadamente 2.656 quilómetros", indicaba Helder Fernán, comandante das Forzas Armadas de Colombia.
As autoridades subliñan que a axuda das comunidades indíxenas foi esencial na localización dos pequenos, atopados finalmente a cinco quilómetros de lugar do accidente.