Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os nenos rescatados en Colombia poderían saír do hospital nunhas semanas

Os nenos rescatados en Colombia poderían saír do hospital nunhas semanas

Están deshidratados e desnutridos pero fóra de perigo

Os coñecementos da selva da nena maior salváronos

G24.gal 11/06/2023 14:01 Última actualización 11/06/2023 14:21

Os nenos están a ser hidratados e estabilizados. Un equipo multidisciplinar trátaos física e psicoloxicamente, en previsión de cadros de estrés postraumático. Atopáronos desnutridos e con algunhas lesións, pero no hospital aseguran que as súas vidas non corren risco.

"Algunhas lesións en tecidos brandos, picaduras, lesións na pel, pero realmente ata o momento non atopamos ningunha patoloxía de gravidade", explicaba o director do hospital, Carlos Rincón.

No centro médico confían en poder darlles a alta en dúas ou tres semanas.

"Non conversan tanto como quixeramos. Hai que darlles tempo", puntualizaba a directora do Instituto de Benestar Familiar.

A comunidade indíxena á que pertencen incúlcalles nocións de supervivencia aos nenos desde que son moi pequenos. Iso e o liderado da nena maior, de 13 anos, que coidou dos seus irmáns de 9, 5 e un ano, foron claves para que puidesen superar a odisea.

"Temos que recoñecerlle non só o seu valor, senón o seu liderado, porque podemos dicir que foi por ela polo que os tres irmanciños puideron sobrevivir ao seu lado, cos seus coidados e co seu coñecemento da selva", subliñaba o ministro de Defensa.

"A nena grande é moi intelixente, moi activa. Ela é forte", explicaba o avó.

O terreo en que se moveron é hostil, con depredadores, insectos, réptiles, plantas velenosas e moita chuvia.

Din que beberon a auga que caía das árbores e que comeron fariña que atoparon no avión accidentado e froitos silvestres, aínda que tamén deron con algún dos paquetes de alimentos que os rescatadores tiraron na selva.

Un milagre e unha heroína -en relación á nena maior- son palabras que non deixan de repetirse nas últimas horas en Colombia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade