Os panadeiros quéixanse da asfixia económica pola suba dos custos de produción
Os panadeiros quéixanse da asfixia económica pola suba dos custos de produción
Aseguran que as facturas de luz e gasóleo chegan a triplicarse e a materia prima duplicou os seu prezo
Como medidas de aforro, reaxustan os repartimentos, reducen horas de traballo ou esixen pedidos maiores para desprazarse
Os panadeiros na comarca da Barbanza séntense asfixiados economicamente por mor da suba dos custos de produción. O encarecemento da materia prima e da enerxía, que nalgúns casos triplicaron o prezo, fai que os negocios cambaleen e teñan que facer reaxustes para poder subsistir.
O pan, como outros produtos básicos da cesta da compra, subiu nos últimos meses. Unha destas barras custa 1 euro 20. E aínda así a Manuel ou a Tino, que levan toda a vida como panadeiros en Noia, case non lles sae a conta. Explícannolo en cifras; pasaron de pagar facturas da luz de 100 euros a case o triplo e o gasto en gasóleo tamén se duplicou.
Pero ademais da suba enerxética o sector tivo que afrontar o encarecemento da materia prima. A fariña incrementou o seu prezo un 40 por cento, pero tamén a manteiga ou os ovos, moi usados en pastelaría.
Este incremento dos custes de produción fixo que a maioría dos negocios adoptaran diferentes medidas de aforro para intentar evitar unha nova suba do prezo do pan. Reestruturan rutas de repartimento, esixen pedidos de maior custo para desprazarse ou pechan fornos algún día para aforrar custos.
Con este panorama, ao que se lle suma a falta de persoal cualificado para traballar, o futuro veno incerto.