Confirman en Vigo o terceiro caso de hepatite aguda infantil en Galicia
Confirman en Vigo o terceiro caso de hepatite aguda infantil en Galicia
Os pediatras tranquilizan os pais e din que os casos son "os habituais nesta época do ano"
Sanidade informou o venres de que en España son 22 os casos desta hepatite grave
As autoridades sanitarias informaron nas últimas horas da detección en Galicia do terceiro caso de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida. O caso rexistrouse en febreiro en Vigo e o menor a día de hoxe non presenta síntomas.
A presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia, Susana Rey, di que non hai motivo para a alarma e que a incidencia é a habitual nesta época do ano.
A hepatitte é un tema que si nos preocupa pola alerta que houbo a nivel mundial, se ben eu transmito unha mensaxe de tranquilidade á poboación porque non temos casos de hepatite na nosa comunidade, máis ala das que vemos de xeito habitual nesta época do ano. Neste momento non houbo un aumento para considerar unha preocupación máis.
Con todo, despois da alerta sanitaria lanzada pola Organización Mundial da Saúde, os hospitais fan unha vixilancia e rastrexan desde xaneiro os posibles casos. En España investíganse xa 22.
A presidenta da Asociación Galega de Pediatría de atención primaria, Amparo Rodríguez, explica que os pacientes diagnosticados evolucionan ben.
Se esta vixilancia a fixésemos noutro momento, o ano pasado, probabablemente tamén habería casos de hepatite, un pouco a diferenza é que non sabemos que tipo de virus a provoca pero moitos virus provocan hepatite sen que teña maior importancia, e sobre todo os casos que hai están evolucionando ben".
Na reunión anual da Asociación Galega de Pediatría de atención primaria en Santiago máis dun cento de profesionais reciben formación e reflexionan sobre como mellorar a saúde dos menores.