Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os peritos atoparon evidencias suficientes na inspección do Villa de Pitanxo

Os peritos atoparon evidencias suficientes na inspección do Villa de Pitanxo

Está previsto que o Ártabro chegue de volta a Vigo o próximo luns

G24.gal 06/06/2023 12:25

Rematada a inspección do pecio do Villa de Pitanxo o buque encargado desa misión estará de volta en Vigo o próximo luns. Malia que as probas practicadas son confidenciais ao formar parte dun proceso penal, nas últimas o xornal Faro de Vigo asegura que os peritos atoparon indicios de neglixencia por parte do patrón do pesqueiro, Juan Padín, investigado pola Audiencia Nacional por 21 presuntos homicidios por imprudencia grave. ​

O Ártabro, o buque da empresa viguesa ACSM, tiña por contrato 15 días para localizar, inspeccionar e gravar o pecio do Villa de Pitanxo que naufragou en augas de Terra Nova en febreiro do ano pasado.

A misión concluíu antes do previsto, onte mesmo. Malia que é confidencial, porque forma parte da investigación do accidente e se incorporará á causa que instrúe a Audiencia Nacional, si transcenderon algúns datos.

O Villa de Pitanxo foi localizado a uns 800 metros de profundidade, íntegro e lixeiramente escorado a babor. Apenas se moveu do punto onde naufragou. Segundo publica hoxe o xornal Faro de Vigo citando fontes próximas á operación, os peritos deron por concluída a misión porque atoparon evidencias suficientes.

Algunhas delas poderían indicar que houbo neglixencia do patrón Juan Enrique Padín. El declarara que o motor principal parou e que, por mor do temporal e a estabilidade comprometida, as ondas enguliron o buque.

Unha versión que contradixo o terceiro supervivente, o mariñeiro Samuel Koufie, que asegurou que o Villa de Pitanxo embarrara e, malia que os tripulantes lle pediron que soltase os aparellos, non o fixo, e o barco escorou máis ata afundir.

A bordo do Ártabro van un membro da CIAIM, un representante da Axencia Europea de Seguridade Marítima, un perito designado pola Audiencia Nacional e outro de parte, designado polas familias das vítimas.

Gardan prudente silencio porque aínda non puideron falar co seu perito e descoñecen o contido das gravacións realizadas en Terra Nova.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade