Publicador de contidos
Publicador de contidos

O acusado de bater contra Jéssica Méndez pide "perdón": "Oxalá aquel día non collese o coche"

O acusado de bater contra Jéssica Méndez pide "perdón": "Oxalá aquel día non collese o coche"

Os peritos da defensa de Eirín din que "estaba freando" no momento da colisión. A súa tese contradí a dos axentes de Tráfico, que falan dun sinistro "consciente" e  "voluntario"

O luns comezará a deliberación do xurado popular

G24.gal 15/03/2024 14:11 Última actualización 15/03/2024 18:39

O xuízo contra José Carlos Eirín, acusado de asasinar a moza Jessica Méndez, chocando á mantenta contra o seu coche en Barro, en marzo de 2022, chegou este venres ao seu fin e concluíu coa intervención do procesado que exerceu o seu dereito pronunciar a última palabra para pedir "perdón" e para proclamar: "Oxalá aquel día non collese o coche".

Así, ante o tribunal de xurado, o acusado, que non quixo declarar no xuízo, afirmou que sente "moitísimo" o sucedido e traslou o seu "máis sentido pésame" á familia de Jéssica, antes de lamentarse por coller o coche ese día.

Na última xornada desta vista, celebrada na Audiencia provincial de Pontevedra durante toda a semana, as partes presentaron os seus informes finais e todas as acusacións mantiveron as súas conclusións: que Eirín bateu deliberadamente co seu coche contra o turismo da moza nunha intersección da N-550 co fin de acabar coa súa vida, e resentido porque Jéssica non lle correspondía nos seus sentimentos de afecto. A Fiscalía pide por estes feitos vinte e catro anos de prisión.

Pola súa banda, a defensa mantivo que o ocorrido ese día de marzo de 2022 foi "un tráxico accidente" e lamentou o "xuízo paralelo" ao que foi sometido o procesado por parte dos medios de comunicación, e de veciños e achegados de Jéssica que, ao longo de toda a semana, concentráronse ás portas da Audiencia e increpáronlle en varias ocasións.

Este letrado solicita para o seu cliente a libre absolución ou, alternativamente, que sexa condenado por un homicidio por imprudencia.

Ademais, nesta quinta e última xornada do xuízo pola morte de Jéssica Méndez, o tribunal escoitou unha nova hipótese: a dos peritos da defensa de Eirín.

Declararon que o vehículo do acusado "estaba freando no momento da colisión", pola maneira en que quedaron os coches despois do sinistro. Xustificaron que non quedara pegada da freada polo efecto do ABS e a pouca distancia percorrida.

Descoñecen o motivo polo que o condutor se desviou da estrada, pero non descartaron "un despiste". Unha tese que contradí a exposta polo equipo de reconstrución de accidentes da Garda Civil, que sosteñen que Eirín arremeteu da maneira "consciente" e "voluntaria" contra o coche de Jéssica, polo que non se tratou dun accidente.

Escoitadas as partes, está previsto que o luns comece a deliberación do xurado popular antes de obter un veredicto. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade