Os veciños de Navia de Suarna alertan dunha nova caída de pedras dende o castelo
Os veciños de Navia de Suarna alertan dunha nova caída de pedras dende o castelo
O desprendemento cadrou, desta volta, coa feira do mes na Proba de Navia
A caída de cascallos dende o castelo volveu alertar os veciños de Navia de Suarna. Desta volta, o desprendemento rexistrouse cando se estaba a celebrar a feira mensual. É dicir, nun dos momentos con máis xente na vila.
O castelo da Proba de Navia encóntrase en pleno centro da capital deste concello dos Ancares. É, polo tanto, unha das zonas máis transitadas, pero por sorte desta volta ninguén foi afectado.
Posto que a fortaleza ocupa boa parte do centro urbano, é zona de paso e un lugar habitualmente visitado polos turistas. A veciñanza demanda, por tanto, que se tomen medidas urxentes para evitar que volvan caer pedras do monumento.
Derrubado no século XV, en plena revolta dos Irmandiños, o castelo foi reconstruído posteriormente e hoxe pertence a mans privadas. Días antes desta nova caída de pedras, realizáranse neste ben de interese cultural traballos de limpeza e de mantemento.