Publicador de contidos
Publicador de contidos

A xente que perdeu a casa no incendio acode ao minuto de silencio polas vítimas

A xente que perdeu a casa no incendio acode ao minuto de silencio polas vítimas

Máis dun cento de persoas están realoxadas en hoteis de Valencia

Contan con apoio psicosocial e xurídico, ademais das mostras de solidariedade cidadá

G24.gal 24/02/2024 14:39 Última actualización 24/02/2024 19:05

Centos de persoas que perderon as súas casas no incendio continúan realoxadas nas casas de familiares e amigos e tamén nos hoteis habilitados para acollelos temporalmente.

Contan co apoio dos equipos de intervención psicosocial. Algúns deles participaron no minuto de silencio polas vítimas. Pasados os primeiros momentos, toman conciencia do que foi o incendio e das súas consecuencias. 

"Xa o tomamos con máis calma e máis descansados tamén. A primeira noite un non pode nin coller o sono, pero hoxe xa mellor aquí no hotel que nos facilitou o concello. Quérolle agradecer ás autoridades locais, á alcaldesa e á Comunidade Valenciana. Tratáronnos moi ben e recibimos moito apoio", relata Ricardo, veciño porta con porta da familia falecida no incendio. 

Contan coa solidariedade veciñal, que desbordou xa a capacidade de almacenar axuda de primeira necesidade e que recadou uns 70.000 euros en menos de 24 horas. As persoas afectadas valoran a sorte que tiveron de non estar no domicilio cando comezou o lume ou de conseguir saír a tempo.

"Había veciños uns máis achegados a outros. Lamentablemente parte dos falecidos eran veciños nosos porta con porta e iso si me doe bastante. Eu non digo que isto sexa empezar de cero, porque hai miles de razóns para comezar. Para min é un 'reseteo' da vida", explica Ricardo.

O Concello ofreceu 131 vivendas para realoxar estas familias nos próximos meses. De momento algo máis dun cento están en distintos hoteis de Valencia e o Colexio de Avogados puxo ao seu servizo persoal para orientalos en temas xudiciais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade