Ósos de santo e chulas voan das pastelerías no primeiro de novembro
Ósos de santo e chulas voan das pastelerías no primeiro de novembro
Os doces propios de Todos os Santos viven estes días un éxito efémero
Poucas cousas son tan efémeras coma os doces propios de Todos os Santos. Produtos que raramente poden consumirse o resto do ano, polo que voaron dos estantes das pastelerías.
O un de novembro é día de visitar cemiterios, pero tamén pastelerías. Osiños de santo, chulas e calacús véndense a ducias, e canda as receitas máis tradicionais atopamos toda clase de doces decorados con figuras terroríficas.
Doces para lembrar os que xa non están. A globalización chegou tamén á repostería de defuntos. En toda España consúmense xa panellets ou pestiños, pero son as chulas e os ósos de santo os reis das merendas e almorzos destes días.
As lambonadas entran tamén polos ollos. Escaparates e mostradores sorprenden estes días con decoracións espectaculares.
Non deixan de ser produtos estacionais, xa que fóra destas datas non é doado mercar chulas e ósos. Afortunados e moi escasos son os que evitan a tentación.
A demanda disparouse hai xa uns días, e a partir do mércores haberá que despedirse destes produtos ata o ano vindeiro.