Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ourense celebra a tradicional Festa dos Maios

Ourense celebra a tradicional Festa dos Maios

Decenas de construcións encheron a zona entre O Paseo e a Praza Maior da cidade

G24.gal 01/05/2022 15:32

O centro da cidade de Ourense énchese de musgo, flores e carrabouxos para celebrar os Maios, a que é sen dúbida unha das súas festas máis tradicionais. Deste xeito despiden definitivamente o inverno e danlle a benvida a primavera, xa en todo o seu esplendor.

"É unha festa con moita tradición, o que pasa é que como todo, co paso dos anos vaise perdendo algo. Nós queremos que siga en pé e imaxino que como o resto dos participantes, estamos nesa labor" conta unha das participantes na festa.

Unha pequena parte da natureza o alcance de todos é a materia prima dos 28 maios que moitas asociacións ou grupos de amigos levan semanas elaborando de xeito completamente artesanal e con moito agarimo. Hainos tradicionais, con forma piramidal, artísticos que lembran lugares ou escenas facilmente recoñecibles para a maioría, e creativos, de temática libre. Tampouco faltan as coplas, que recollen con sátira algúns dos episodios máis salientables da vida social e política.

"Fai moita graza porque é un maio diferente, non é habitual facelo así con esta feitura e á parte fai alusión a unha polémica que houbo na cidade, entón parece que está tendo moi boa acollida. Esperamos gañar nesta categoría, claro".

"O venres á tarde fomos ao monte coller as estacas, o musgo, as xestas, e onte estivemos todo o día preparando o maio".

"O que queremos representar é o traballo da vendima: dúas mulleres vendimando, un carrexando e o neno arriba, que está esmagando nas uvas".

Hai ademais xogos tradicionais para os cativos e non falta a música en directo: o grupo Treixadura é o encargado de pechar esta xornada festiva. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar