O detido polo asasinato de Elisa Abruñedo confesa ser o autor do crime
O detido polo asasinato de Elisa Abruñedo confesa ser o autor do crime
A xuíza decreta prisión provisional comunicada e sen fianza
A Garda Civil investiga a posible relación co crime de Socorro Pérez
O home detido acusado da violación e o asasinato de Elisa Abruñedo, ocorrida en Cabanas en setembro de 2013, confesou ser o autor do crime ante a Garda Civil tras ser interrogado no cuartel polos axentes que levaron a investigación.
Segundo puido saber Europa Press, os axentes da UCO, responsables do caso, someteron ao detido a extensos interrogatorios, que se prolongaron durante varias horas de maneira continuada, desde primeira hora da mañá ata altas horas da madrugada, que levarían ao presunto agresor sexual e asasino a declararse culpable.
Prisión provisional e sen fianza
Este xoves pasou a disposición xudicial no Xulgado de Instrución Número 2 de Ferrol para prestar declaración. A xuíza decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para o detido pola morte de Elisa Abruñedo. O autor confeso do crime vai á cadea de xeito preventivo investigado polos delitos de agresión sexual e por homicidio ou asasinato. Durante a instrución do casa definirase cal dos dous delitos se lle imputa finalmente.
A súa detención produciuse o martes pasado en Ferrol. Trátase dun veciño de Narón de 49 anos. Axentes da Garda Civil requisaron varias escopetas e outros aveños no domicilio do detido.
A hipótese que vai cobrando forza é que escolleu a súa vítima de forma casual, mentres ela daba un paseo de domingo polas inmediacións da súa casa. Alí foi onde abandonou o seu corpo entre a maleza, despois de violala e matala a navalladas.
O asasino de Elisa Abruñedo cometeu polo menos un erro, deixou pegadas do seu ADN no corpo da vítima e este foi o fío principal do que tirou a Garda Civil durante estes anos, unha década de investigacións que agora deu os seus froitos.
Por esa proba xenética sabían que o homicida era un home de pelo roxo, o que reducía substancialmente a busca. Os investigadores da Garda Civil decidiron facer probas de ADN de xeito voluntario a familias de toda a comarca de Ferrolterra e cruzaron esa información cos restos biolóxicos que tiña Elisa.
Atoparon unha compatibilidade, aínda que non ao cen por cento. Normal, porque non era o ADN do asasino, pero si dun familiar. Acoutaron a busca e deron cun sospeitoso.
Adrián, fillo de Elisa: "Empeza a despexar o ceo"
Malia que co paso dos anos a esperanza de logralo decaía, a detención do presunto asasino foi recibida con alivio e esperanza, especialmente por Adrián, o fillo maior de Elisa, que o contaba así en declaracións á Radio Galega. "Empeza a despexar o ceo. O traballo sempre o fixeron, pero era frustrante non ver resultados co paso dos anos".
"Non sei quen é", dixo sobre o sospeitoso.
Aínda desconcertado pola nova da detención do presunto asasino da súa nai e as múltiples chamadas dos medios, Adrián amosouse confiado de que por fin se resolva o crime e o responsable acabe sentado no banco dos acusados.