Peregrinar desde Xaca para dar a coñecer a enfermidade de Duchenne
Peregrinar desde Xaca para dar a coñecer a enfermidade de Duchenne
A través do Instagram Tacticompostela recádanse fondos para as vítimas desta doenza
Ata que Cristian Freire nos falou da enfermidade de Duchenne, apenas escoitaramos antes falar dela.
É o que pasa coas enfermidades raras, que non se sabe moito delas e ese é un dos motivos polos que a peregrinación de Cristian dende Candanchú a Compostela é tan importante, porque axuda a dar a coñecer esta doenza, unha distrofia muscular orixinada por unha mutación xenética que causa unha fortísima debilidade nos músculos, tanto que os que a padecen perden totalmente a súa independencia. Por iso Cristian di que camiña polos que non poden camiñar.
A enfermidade de Duchenne afecta un de cada 5.000 nenos do mundo, con independencia da raza. Un deses nenos afectados é o fillo dun amigo de Cristian. Por iso Cristian se animou a facer o Camiño dende Xaca cun chaleco lastrado que pesa 12 quilos. En total, coa mochila, son 28 quilos.
Con esta carga Cristian chama a atención por onde pasa. Todos lle preguntan polos motivos deste xeito de peregrinar, e así é como dá a coñecer a enfermidade. Ademais, leva recadados 1.500 euros para a Asociación de España de Duchenne, pero quere conseguir máis, porque toda axuda é pouca para as vítimas dunha enfermidade tan atroz.