Dezaseis dos 52 viaxeiros do autocar envorcado en Mallorca procedían de Lugo e A Coruña
Dezaseis dos 52 viaxeiros do autocar envorcado en Mallorca procedían de Lugo e A Coruña
13 viaxeiros son orixinarios de Lugo e outros 3, da Coruña
Seguen hospitalizados cinco dos feridos no sinistro
A vítima con lesións máis graves, unha muller de Zaragoza que sufriu varias fracturas tras envorcar o vehículo, evoluciona favorablemente no hospital Son Espases de Palma
Os turistas do Imserso que viaxaban no autocar que este luns envorcou ao saírse da estrada ao leste de Mallorca causando 24 feridos proceden da Coruña (3), Lugo (13), Zaragoza (22), Salamanca (8) e Tenerife (6), segundo informaron a Efe fontes da Delegación do Goberno.
Cinco dos turistas feridos continúan ingresados este martes en tres hospitais da illa, detallou o Servizo de Saúde de Baleares.
A vítima con lesións máis graves, unha muller de Zaragoza que sufriu varias fracturas tras envorcar o vehículo, evoluciona favorablemente no hospital Son Espases de Palma, e os responsables do seu seguimento estudan trasladala á capital aragonesa.
No mesmo centro está ingresado outro ferido, outros dous permanecen no hospital de Manacor e o quinto afectado aínda hospitalizado recupérase no hospital Son Llàtzer de Palma.
Un portavoz da Garda Civil indicou que os investigadores están á espera da análise técnica dos datos rexistrados no autobús para establecer as causas do accidente, no que non interveu ningún outro vehículo.
Ás 10 horas do luns, no quilómetro 5 na estrada Ma-4030, entre Son Servera e Sant Llorenç, o condutor do autobús, en que viaxaban 52 xubilados do programa estatal de turismo subvencionado e un guía, perdeu o control do vehículo, que saíu da calzada por un desnivel de dous metros e envorcou.
O chofer deu negativo nas probas de alcoholemia e consumo de drogas.