Pican as rodas de máis de vinte coches na parroquia de Priegue, en Nigrán
Pican as rodas de máis de vinte coches na parroquia de Priegue, en Nigrán
Todos os veciños que estacionaron o coche en dúas rúas sufriron a acción dos vándalos
A fin de semana multiplicáronse os actos de vandalismo, con roubo de sinais e espellos de control do tráfico, e mesmo modificaron con spray as liñas continuas da estrada
Episodio de vandalismo a grande escala en Nigrán. Uns vinte coches amenceron coas rodas picadas.
Poucos veciños das rúas Chans, Serradouro, e da baixada aos Abetos puideron coller os seus coches para ir traballar. Todos os que o estacionaron fóra da casa atopáronos coas rodas picadas nesta parroquia de Priegue.
A consternación dos veciños desta parroquia de Nigrán cando pola mañá atoparon os seus vehículos cos pneumáticos picados foi total. Levan días sufrindo actos de vandalismo, e non saben quen está a roubar os sinais das obras, a levar os espellos de seguridade de tráfico e a repintar con spray as liñas continuas da estrada.
José Manuel Chamorro, presidente da asociación de veciños a Irmandade de Priegue di que "cando me chamaron vin facer fotos dos coches, algúns xa os levaran os guindastres, que tiveron unha mañá ben entretida. Os veciños están moi cabreados, normal, porque moitos ían ao traballo e atopáronse con que tiñan que chamar un taxi ou un familiar que os puidese levar".
No caso de Charo Cerdeira, da primeira vivenda de rúa, cebáronse. Di que e a primeira vivenda e cando saíu cara ao traballo atopou que tiña as catro rodas rebentadas. Como leva pouco tempo, pensaba que só sería ela, pero pronto lle avisaron os demais veciños de que todos tiñan os coches cos pneumáticos picados.
Priegue é unha parroquia moi tranquila, pero nos últimos días están a pasar cousas que teñen os veciños moi preocupados. Rebentar as rodas dos coches é a pinga que colma a paciencia dos veciños. O venres comezou a vaga de vandalismo, cando alguén modificou cun spray a liña continua na estrada, e tamén levaron toda a sinalización que había nunha obra ao principio da rúa. A madrugada seguinte alguén cortou cunha radial e levou os postes dos espellos que hai nos cruzamentos das estradas na zona alta da Mámoa e Condomínguez.