Publicador de contidos
Publicador de contidos

Piden que Garda Civil e Lazarus aclaren se se manipulou o disco duro do ordenador de Déborah

Piden que Garda Civil e Lazarus aclaren se se manipulou o disco duro do ordenador de Déborah

A Garda Civil concluíu que non hai indicios de manipulación e a empresa Lazarus di que si. A xuíza quere reunir os técnicos no xulgado para saber cal é a verdade

G24.gal 02/06/2023 18:08

 A familia de Déborah Fernández Cervera, a moza viguesa que apareceu morta nunha cuneta do Rosal solicitou unha dilixencia de "pericial contraditoria" despois de que a Garda Civil concluíra nun informe que non hai indicios de manipulación do disco duro do computador da moza.

  Este 'contrainforme' foi solicitado pola xuíza de instrución número 2 de Tui, despois de que os peritos de Lazarus (inicialmente propostos pola propia maxistrada) determinasen que o disco duro de Déborah fora manipulado nalgún momento despois de ser entregado á Policía Nacional.  

Hai dous anos, os expertos da Garda Civil tentaron analizar o contido dese disco duro e, tras un incidente no xulgado, no que "case se queima" o dispositivo, concluíron que non se podía levar a cabo a análise.

Isto foi xusto antes de que Lazarus realizase o seu estudo.  

"O que nos chama a atención, é que a Garda Civil é o corpo que tivo hai dous anos no seu poder o disco duro de Déborah, e despois de 6 meses dixo que non puidera acceder ao seu contido", sinalou o avogado Ramón Amoedo.

Os letrados pediron unha "pericial contraditoria", que se leve a cabo de forma presencial no xulgado, con presenza dos axentes da Garda Civil, e dos peritos das partes, cos equipos técnicos adecuados, "para tentar saber cal é a verdade".  

En todo caso, estes avogados matizaron que a manipulación ou non do disco duro é un aspecto que "non afecta á investigación da morte de Déborah" e que, xa está comprobado que "o disco duro foi borrado".  

Respecto diso, lembrou que a familia propuxo a apertura dunha peza separada ou doutro procedemento, pero iso "non debe ser motivo para retardar a peza principal". "E se non ven que a de Déborah foi unha morte homicida, que o arquiven dunha vez", reiterou.  

Mentres, o proceso de instrución da causa segue aberto no xulgado de Tui, cun único investigado, o exmozo de Déborah, que na súa declaración proclamou a súa inocencia.

O próximo 8 de xuño está prevista a declaración do experto forense e criminólogo Aitor Curiel. El elaborou o informe que determinou a natureza criminal da morte da moza.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade