Publicador de contidos
Publicador de contidos

Planas cualifica como "inaceptable" que Noruega fixe cotas de pesca de maneira "unilateral"

Planas cualifica como "inaceptable" que Noruega fixe cotas de pesca de maneira "unilateral"

Na reunión de ministros de pesca da UE prepáranse as negociacións co Reino Unido e con Noruega para a repartición de cotas nas augas compartidas

G24.gal 18/09/2023 16:14

O ministro español de Agricultura e Pesca en funcións, Luis Planas, cualificou este luns de "inaceptable" que Noruega estea a fixar cotas de pesca de maneira unilateral. "Noruega está a manter unhas posturas unilaterais respecto da fixación de totais admisibles de capturas e cotas que nos parecen inaceptables", declarou o político á súa chegada á reunión de titulares de Agricultura e Pesca da Unión Europea  que se celebra hoxe en Bruxelas.

Engadiu que se Noruega "efectivamente pretende aumentar as capturas" para vendelas á UE, "hai que facer xogar o principio de reciprocidade desde o punto de vista comercial e facer xogar os nosos intereses". Recoñeceu que o Estado nórdico é "un país amigo, incluído no Tratado do Espazo Económico Europeo". "Pero, sinceramente, eu creo que chegou o momento de incluír os aspectos comerciais pesqueiros na negociación con Noruega", dixo Planas.

Na reunión de ministros deste luns, abordaranse cuestións pesqueiras como a preparación das negociacións entre a Unión Europea e o Reino Unido e entre o club comunitario e Noruega para repartir as capturas nas augas compartidas. 

Sobre o Reino Unido, Planas resaltou a "importancia" das poboacións compartidas de peces e confiou en que o acordo con Londres se peche antes do 10 de decembro. "Espero que sexa o caso para non ter que facer unha prolongación proporcional como se fixo nalgunha ocasión anterior", manifestou. Sinalou que España ten un interese particular na pescada norte, os rapes e galos e o lagostino. Como especies accesorias (aquelas que se capturan cando os obxectivos principais da pesca son outros peixes), destacou os ollomoles, o xurelo  ou o bacallau.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade