Podemos propón crear supermercados públicos para facer fronte ao 'oligopolio'
Podemos propón crear supermercados públicos para facer fronte ao 'oligopolio'
A cadea alimentaria chamaríase Prezos Xustos e queren facer fronte ao que consideran un oligopolio nos supermercados
PSOE e PP critican a proposta electoral dos morados
Podemos leva meses meténdolle presión ao PSOE para topar prezos ou bonificar alimentos básicos. Agora, lanza unha nova proposta, crear unha cadea pública de supermercados que se chame Prezos Xustos.
Os morados queren facer así fronte ao que consideran un oligopolio nos supermercados, cuxo "capo" sería, na súa opinión, Juan Roig, o dono de Mercadona. En conferencia de prensa, a voceira de Podemos, María Teresa Pérez, apuntou que "entre catro empresas acumulan o 40 % do mercado" e cualificou os seus propietarios de "desalmados que están especulando cos prezos dos alimentos".
Pero aos socios de Goberno, ao PSOE, parece que a proposta non lles soa ben. A voceira nacional do partido, Pilar Alegría, enmárcaa "no momento electoral que estamos vivindo". Para Patxi López, voceiro dos socialistas no Congreso, "facer supermercados públicos igual vai en contra do comercio local".
Para o Partido Popular, Podemos ataca "dunha maneira brutal a un empresario do noso país, con nome e apelidos", en referencia ao presidente de Mercadona. A secretaria xeral dos populares, Cuca Gamarra, insiste en que o ten que facer o Goberno é baixar o IVE da carne, do pescado e das conservas.