Polémica en Santiago por unha nova pintada no centro histórico, neste caso na fonte das Praterías
Polémica en Santiago por unha nova pintada no centro histórico, neste caso na fonte das Praterías
Este luns apareceu na Fonte dos Cabalos da praza unha pintada na que se podía ler 'A e G bañáronse aquí', xunto a unha data
Os compartamientos incívicos dalgúns turistas volven ser noticia en Santiago de Compostela despois de que este luns aparecese na Fonte dos Cabalos da praza unha pintada onde se podía ler "A e G bañáronse aquí", xunto a unha data. Cabe destacar que este martes a inscrición xa foi borrada da histórica fonte pola concesionaria do servizo de limpeza, Urbaser.
A imaxe da pintada, compartida en redes sociais este luns, chamou a atención dos internautas que expresaron o seu malestar ante este novo "acto vandálico": "Está a perderse o respecto a todo", "Unha tristeza", "Que pena!!!", son algúns dos comentarios difundidos polos usuarios de Facebook.
Esta polémica chega seis días despois de que tres peregrinos, Carmen, Fran e Camila, pintasen a frase "Aquí terminamos o Camiño de Santiago e empezamos o noso", acompañada da data na que chegaron ao Obradoiro.
Segundo explicaron fontes municipais ante casos como os xa mencionados actúan "de inmediato" e tentan concienciar do carácter patrimonial de Santiago de Compostela, por exemplo coa campaña Fráxil, que dará comezo en agosto.
Trátase dunha campaña coa que durante os meses de agosto e setembro haberá "informadores" nas zonas de maior afluencia turística e de chegada de peregrinos, tanto no concello de Santiago como nos limítrofes, para concienciar os visitantes e mellorar a convivencia.
Deste xeito, fontes municipais piden "responsabilidade" ante este tipo de accións levadas a cabo no centro histórico da cidade , aínda que subliñan que tamén hai que "contextualizalas", xa que son miles as persoas que visitan Santiago e non todas realizan inscricións ou outro tipo de prácticas do estilo.
A gran maioría dos turistas e peregrinos rexeitan estes actos. A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural de Galicia cre que entre todos temos que parar estes actos vandálicos.
Outros actos que crearon polémica na cidade son tamén a colocación de cadeados nos bancos da alameda e nas escaleiras de entrada dende a Acibechería ata o Obradoiro.