Publicador de contidos
Publicador de contidos

Policías e gardas civís saen á rúa contra a Lei de Seguridade Cidadá co apoio da oposición

Policías e gardas civís saen á rúa contra a Lei de Seguridade Cidadá co apoio da oposición

Pablo Casado anuncia un recurso ante o Tribunal Constitucional se as modificacións van adiante

Baile de cifras entre organizadores e a Delegación do Goberno

G24.gal 27/11/2021 14:36 Última actualización 20:30

Protagonismo nas rúas de Madrid para o rexeitamento aos cambios previstos na Lei de Seguridade Cidadá, máis coñecida como lei mordaza. Na manifestación participaron miles de persoas baixo o lema: "Non a esta reforma, non á inseguridade cidadá". Sindicatos e asociacións profesionais de policías e gardas civís responderon a chamada de Jusapol, a organización convocante.

Varios son os puntos obxecto da protesta. Os axentes rexeitan as manifestacións sen comunicación previa, ou ter que facer -din- de "taxistas" dos retidos para devolvelos ao punto de detención. Tamén consideran que poden quedar sinalados nas redes sociais se se permiten gravar as actuacións policiais.

"Dicimos non a esta reforma. Cremos que a lei hai que axeitala aos tempos actuais, hai que reformala, pero que nunca se pisen os dereitos garantes da seguridade dos especialistas que operan con esta lei diariamente e tampouco creando unha inseguridade cidadá", sinalou o presidente de Jusapol

O PP, Vox e Ciudadanos apoiaron as reivindicacións das forzas de seguridade:

"O que están pedindo é que non os deixemos desprotexidos, que poidan enfrontarse aos delincuentes para preservar a seguridade e a liberdade dos españois. Por iso eu quero anunciar que se se aproba esta reforma imos levala decontado ao Constitucional e cando cheguemos ao Goberno recuperaremos a Lei de Seguridade Cidadá", dixo Pablo Casado


"O Goberno impulsa unha lei xunto a todos os inimigos da unidade de España, da orde constitucional e a todos os inimigos históricos da garda civil e da policía. Nós estamos na rúa precisamente en contra desa lei", declarou Santiago Abascal.

 "Desde logo, deixamos claro que non imos permitir que este goberno siga criminalizando os policías, desprotexendo os policías e defendendo os delincuentes", era a opinión de Inés Arrimadas.

Canto á participación, houbo baile de cifras. Os convocantes falan de 150.000 persoas e a Delegación do Goberno en Madrid rebaixa o número a 20.000.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade