Polo menos 3 mortos e 3 desaparecidos no naufraxio dun cerqueiro en Portugal
Polo menos 3 mortos e 3 desaparecidos no naufraxio dun cerqueiro en Portugal
A embarcación tiña 17 tripulantes a bordo, dos que once foron rescatados con vida
No momento do sinistro as condicións metereolóxicas non eran adversas
Polo menos tres persoas morreron e tres desapareceron despois de que envorcara este mércores unha embarcación de pesca no mar fronte ao municipio portugués de Marinha Grande (a uns 140 quilómetros ao norte de Lisboa).
Unha fonte da Autoridade Marítima Nacional lusa informou de que recibiron a primeira alerta do afundimento da embarcación, chamada Virgem Dolorosa, ás 04:33 hora local.
Segundo as cifras da autoridade náutica, a embarcación tiña 17 tripulantes en total, de entre 30 e 65 anos. Polo momento só transcendeu que dous deles eran indonesios e que a maioría dos tripulantes son de Figueira da Foz, onde tiña o seu porto base, aínda que estaba rexistrada na capitanía de Póvoa de Varzim.
O barco atopábase unha milla náutica (equivalente a menos de dous quilómetros) da costa, entre as praias de São Pedro de Moel e Vieira. Cando o auxilio chegou a onde se atopaba a embarcación xa estaba completamente virada.
Três pessoas morreram e, até ao momento, estão desaparecidas três, após uma embarcação de pesca ter naufragado com, alegadamente, 17 tripulantes a bordo, a cerca de dois quilómetros de terra, entre a praia de São Pedro de Moel e a praia da Vieira.
— Autoridade Marítima Nacional (@amn_portugal) July 3, 2024
🗞 https://t.co/S4zqz5894F pic.twitter.com/ifeRvbsybb
Na primeira fase barcos de pesca lograron rescatar doce persoas, unha delas xa sen vida. Os superviventes foron levados para o Porto de Figueira da Foz.
Máis tarde localizáronse outros dous náufragos, falecidos, que foron conducidos a Nazaré.
No operativo participaron ata o momento un helicóptero, drons, unha embarcación salvavidas, varios todo terreo e un equipo de submarinismo.
O municipio de Marinha Grande está a uns vinte quilómetros ao norte de Nazaré, unha localidade portuguesa coñecida polas súas grandes ondas e que cada ano acolle torneos internacionais de surf.
O Virgem Dolorosa era un barco de 26 metros de eslora dedicado á pesca do cerco. Foi construído en estaleiros españois en 2002, polo que se considera relativamente novo, e fontes do sector pesqueiro portugués falan del como unha embarcación segura. Polo momento descoñécense as causas polas que o pesqueiro puido afundir.