Poñen á venda por 12.000 euros en Wallapop un premio Goya de 2008
"Por cuestións de privacidade", o nome e os datos do Goya só se lle facilitarán ao comprador que recibirá, canda ao galardón, un documento asinado polo gañador e unha foto do momento da entrega

Co eco aínda recente da última gala dos Goya, que se celebrou o 8 de febreiro en Granada, non lonxe desa cidade, en Valenzuela (Córdoba), un usuario de Wallapop puxo á venda un trofeo da Academia do Cinema do ano 2008.
O prezo é de 12.000 euros, segundo o anuncio de Juan P., que sinala que "por cuestións de privacidade", o nome e os datos do Goya só se lle facilitarán ao comprador.
O galardón de bronce véndese acompañado dun documento asinado do gañador e unha foto do momento da entrega da figura na gala.

O anunciante sinala que a venda debe ser feita en persoa, non se admiten envíos a domicilio. "Obxecto moi valioso e practicamente imposible de atopar no mundo do coleccionismo. De cando en cando á venda", engade a explicación do anuncio na plataforma de venda de obxectos de segunda man.