Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pontón: "Coa confianza dos galegos, no 2024 poremos en marcha a mellor Galicia"

Pontón: "Coa confianza dos galegos, no 2024 poremos en marcha a mellor Galicia"

Na mensaxe de fin de ano, a portavoz nacional do BNG pide o apoio da cidadanía para "ser a próxima presidenta" da Xunta

G24.gal 31/12/2023 12:55 Última actualización 31/12/2023 14:33

A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, elixiu o barrio compostelán onde reside, o de Concheiros, para enviar unha mensaxe de fin de ano en que pediu o apoio da cidadanía o 18-F para alcanzar unha "Galicia mellor" en 2024.

Nas rúas en que fai "a súa vida cotiá", narra no vídeo, escoita tamén "as preocupacións da xente" sobre a sanidade, a subida de prezos, a falta de traballo ou a factura da luz, apunta.

"Son as preocupacións que me chegan falando coas persoas do meu barrio, as mesmas que me compartides vós nos encontros que teño cada día polo país, as mesmas que sinto eu", afirma.

Por iso, a líder do BNG aproveita esta mensaxe para lembrarlle á cidadanía que este 2024, no que se celebrarán eleccións autonómicas, aspira "a ter a súa confianza para ser a próxima presidenta".

"Porque me gusta Galicia, gústame como somos, gústame vivir aquí e quero o mellor para este país", engade.

"Merecemos mellor sanidade, mellor educación, tranquilidade para as persoas maiores; merecemos poder dicirlle á xente nova que quede aquí, que non marche porque vai ter oportunidades; merecemos unha Galicia que apoie a xente do mar e a que traballa a terra para darnos alimentos; que apoie as persoas que emprenden, as nosas empresas", relata a portavoz nacional.

Na mensaxe, apela ao "apoio" da cidadanía para "facer realidade nas urnas esa Galicia mellor", capaz de colocarse "na vangarda da ciencia", feminista, implicada contra o cambio climático e "orgullosa da lingua e da cultura propias".

"Estou segura de que o 18 de febreiro imos facer historia, imos gañar unha Galicia mellor", conclúe Pontón, antes de desexar un feliz Aninovo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade