Publicador de contidos
Publicador de contidos

Portas abertas á cultura popular nos 45 anos de vida do Museo do Pobo Galego

Portas abertas á cultura popular nos 45 anos de vida do Museo do Pobo Galego

O centro compostelán celebra con centos de visitantes o relato da vida cotiá da Galicia de onte e de hoxe que se mostra nas súas salas

Oito museos de Santiago organizan conxuntamente actividades para festexar este Día Internacional dos Museos

G24.gal 18/05/2022 14:26

Pouco antes das 11 da mañá dábanselle os últimos retoques ao tapete vermello que oito museos de Compostela despregan para recibir hoxe os seus visitantes. Un dos veteranos, o do Pobo Galego, xa leva 45 anos celebrando este Día dos Museos, xusto desde que se instituíu a xornada conmemorativa destes centros, e hoxe xa tiña nutridos grupos ás portas. Grupos, sobre todo, de estudantes, que se achegan á antropoloxía galega con moita familiaridade.

"Nós contamos a historia non desde o gran relato, senón o relato da vida cotiá e creo que iso é moi atractivo, contar como viviamos, como eramos e como somos aínda", di o  director do Museo, Manuel Vilar. Ademais, a responsable educativa e de acción cultural do museo, Ana Estévez, engade que "o feito de que o museo deixe de verse como un templo e sexa algo máis cercano ten que ver non só co tipo de colección que tes senón tamén con como traballas con ela".

E aquí trabállase promovendo a participación e a interacción. Ao longo da súa historia, o Museo do Pobo Galego, que naceu da iniciativa popular e que se mantén en parte coas achegas dos socios, pasou por momentos difíciles. Por iso hoxe quere poñer en valor o apoio social. "Que sexa un público participante, que se apropie, porque o que temos aquí é de todos e de todas como todo o patrimonio, pero este especialmente, porque é esa parte da nosa historia cotiá, a nosa cultura popular", di Estévez.

Vilar apunta, ademais, que o museo vén da tradición que nace coa xeración Nós, "da necesidade dun museo que explique a vida cotiá da xente, que normalice unha cultura, e esa tradición hai moita xente que a entende". Ese é, como di o lema deste 18 de maio de 2022, o poder dos museos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar