A frota do cerco estuda pedir medidas compensatorias polas limitacións do xurelo
A frota do cerco estuda pedir medidas compensatorias polas limitacións do xurelo
O acordo da UE só permite a pesca accidental de 3.200 toneladas de xurelo no norte de Fisterra
Estudan un paro biolóxico ou un aumento na cota de sardiña como alternativa
O acordo pesqueiro da UE deixa satisfacción entre a frota da pescada sur, que poderá duplicar a súas capturas, e unha forte resaca entre os cerqueiros da Costa da Morte a as Rías Altas. En 2023 só poderán pescar 3.200 toneladas de xurelo, e terán que ser capturadas de xeito accidental, xunto a outras especies.
"No cerco é moi difícil facer unha pesca accesoria, poucas veces ven o peixe mesturado, case sempre fan pesca dirixida a unha especie, é unha arte diferente e hai que tratalo de xeito diferente", explica Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores.
"Se non nos deixan ir ao peixe, mal para nós os mariñeiros, pero tamén para os consumidores, porque soben os prezos e acaba entrando peixe de fóra", engade Daniel Formoso, presidente da Federación de Confrarías de Coruña.
No novo acordo, o cerco recupera o 20 % de cota de xarda. Un alivio que, segundo aseguran, non compensa coa perda dunha especie tan prioritaria como o xurelo, que supón un 40 % das súas capturas. Agora estudan alternativas para paliar o golpe, como solicitar as axudas dun paro biolóxico ou negociar un aumento na cota da sardiña.
"O Ministerio ten que traballar niso. Os datos científicos acreditan que a sardiña está no mellor momento biolóxico e polo tanto deberíamos ser quen de conseguir un incremento das posibilidades de pesca", di a conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Por outra banda, a conselleira adiantou na reunión do Consello galego de Pesca que a Xunta vai acompañar a Organización de Produtores de Burela no seu recurso contra o veto da pesca de fondo decretado por Bruxelas en 87 caladoiros.