Publicador de contidos
Publicador de contidos

Á prisión e investigado por agresión sexual o home que roubou un coche cun bebé dentro en Tui

Á prisión e investigado por agresión sexual o home que roubou un coche cun bebé dentro en Tui

O xulgado abriu dilixencias para descartar ou confirmar o delito de agresión sexual porque cando atoparon o neno non estaba vestido exactamente igual
 

G24.gal 05/03/2024 17:05 Última actualización 05/03/2024 20:11

O Xulgado de Instrución número 3 de Tui acordou a prisión provisional, comunicada e sen fianza, do home que foi detido este luns tras roubar un coche nesa localidade pontevedresa cun bebé de dous anos dentro mentres a nai do menor recollía outro fillo nun centro educativo.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, está investigado polos delitos de agresión sexual, detención ilegal, tentativa de roubo con forza, furto de uso de vehículo, lesións, danos e condución sen carné.

A maxistrada acordou esta medida, principalmente, polo risco de reiteración delituosa e pola gravidade das penas que lle poderían ser impostas, o cal aumenta o risco de subtracción á acción da Xustiza.

Hai un delito que non se realizou o mesmo día, senón o anterior, que é o de tentativa do roubo con forza.

Sobre o delito de agresión sexual, o xulgado está realizando dilixencias para descartar ou non a súa existencia, dado que o menor non estaba vestido exactamente igual cando o atoparon que antes. 

O procesado ten numerosos antecedentes

O procesado conta con numerosos antecedentes, e, de feito, o luns ao mediodía, horas antes de roubar o vehículo co menor dentro, saíu do Xulgado de Tui por quebrantar o domingo unha orde de afastamento por violencia doméstica.

Despois, cara ás 16:30 horas, aproveitando que a nai do bebé baixou do vehículo para recoller outro fillo nun colexio de Tui, roubou a furgoneta, que tiña as chaves postas. Cando a muller regresou cara ao vehículo e comprobou que non estaba, púxose en marcha un gran dispositivo policial en Tui e tamén no norte de Portugal.

Cara ás 18:00 horas, unha patrulla da Policía Local de Tui interceptou o condutor e recuperou o bebé en Veiga do Louro, a poucos quilómetros do colexio.

Tras o rescate, o pequeno foi derivado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para ser sometido a unha revisión médica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade