Profanan o cemiterio de Soutomerille, en Castroverde
Profanan o cemiterio de Soutomerille, en Castroverde
Moitos dos nichos do camposanto apareceron rotos, igual ca os cadaleitos
A Garda Civil está a investigar os feitos, xa denunciados polos donos dos panteóns
A necrópole desta parroquia é coñecida por ser a máis pequena da provincia de Lugo
O cemiterio parroquial de Soutomerille, en Castroverde, foi profanado. Máis da metade dos panteóns apareceron coas lápidas dos nichos desfeitas, igual ca algúns dos cadaleitos que contiñan.
Ao se tratar dunha parroquia que leva uns 50 anos deshabitada, os propietarios afectados puideron tardar días en ser advertidos do acontecido.
Jesús López Besteiro, propietario dun panteón danado: "Aquí están enterrados meus avós, noutro que é propiedade miña e da miña irmá están enterrados uns tíos de miña mai. E despois hai outro panteón onde tamén fixeron estragos".
A Garda Civil abriu unha investigación para esclarecer o acontecido mesmo antes de que os donos dos panteóns danados denunciasen os feitos. "Eu non o concibo. Esta parroquia leva 50 anos abandonada e non hai problema ningún coas parroquias veciñas. E ademais son uns estragos moi graves. Quedou isto coma se fora un campo de batalla", di Jesús.
O camposanto de Soutomerille é coñecido por ser o máis pequeno da provincia de Lugo. Á beira mesmo pasa unha antiga vía romana, a vía XVIII, que posteriormente se convertería nun tramo do Camiño Primitivo. "É dos cemiterios máis pequenos de Galicia. Por aquí pasa unha ruta de sendeirismo preciosa, todo baixo carballos e castiñeiros. É un remanso de paz. Un sitio para gozar del, e non para facer dano", explica.
Pola súa parte, na Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde anunciaron que van denunciar estes feitos ante a Subdelegación do Goberno en Lugo.