Protesta contra a mina de Touro na Festa da Ameixa do Carril
Protesta contra a mina de Touro na Festa da Ameixa do Carril
O Carril volveu celebrar a Festa da Ameixa despois de catro anos. Apupada polo premio á empresa que promove a mina de Touro.
O Carril volveu celebrar a Festa da Ameixa despois de catro anos. Centos de persoas degustaron este molusco extraído nos parques de cultivo desta localidade da ría de Arousa e preparado á mariñeira.
Cociñáronse 10.000 racións de ameixas babosa e xapónica, recollidas nos parques de cultivo da propia localidade arousá.
A degustación deste molusco xuntou a centos de persoas no porto do Carril ao mediodía, algunhas chegadas desde a outra punta de España atraídas por esta festa gastronómica que se recuperaba este ano por primeira vez tras a pandemia.
A parte máis institucional da festa estivo rodeada de polémica. Membros da Plataforma de Defensa das rías de Arousa e Noia protestaron contra a reapertura da mina de Touro no acto en que se entregaban as distincións da Orde da Ameixa.
E é que a Agrupación de Parquistas e a confraría de pescadores, organizadores do acto, decidiron premiar coa Ameixa de Ouroa empresa Cobre San Rafael, promotora da reapertura da mina. Tampouco se librou dos apupos a Conselleira de Medio Ambiente, nomeada Dona da Orde da Ameixa.