Proxecto "Aliméntate ben" para aprender a comer desde a escola
Proxecto "Aliméntate ben" para aprender a comer desde a escola
130 centros escolares participan no proxecto da Escola Galega de Saúde Pública
O alumnado aprende de alimentación, consumo responsable e hábitos saudables en proxectos transversais
O profesorado dos proxectos de innovación educativa Aliméntate Ben comparte esta fin de semana as experiencias que desenvolve nos seus centros co obxectivo de fomentar unha vida saudable entre o alumnado.
A obesidade é o principal trastorno nutricional na idade infantil e adolescente polo que é fundamental que os cativos sexan conscientes da importancia da súa alimentación.
Experimentar con texturas novas, sabores e cheiros diferentes ou sinxelamente con alimentos cociñados dun xeito que non é o habitual. As nutriescolas en educación infantil tradúcense en experiencias sensoriais. Pero a medida que van medrando os cativos tamén o fan os proxectos para aprender de consumo responsable, e saber o que nos leva a comer como comemos. Tal e como detallan Ana María Martínez Lorente, médica e responsable dos proxectos Nutriescola e Carolina Muñoz Ibáñez, xefa do Servizo de Estilos de Vida Saudables.
Por exemplo, valorar estratexias publicitarias, poden ver como iso funciona no consumidor, ata que punto estamos influídos por decisións que toman outros. Como se constrúe o noso sistema político e a súa comunidade social: as novas formas de ocio máis pasivo, a individualidade, os horarios distintos entre pais e fillos, a forma de conciliación, o comer só a calquera hora en calquera momento e lugar.
E os nenos durante todo o proxecto tamén traballan coas súas familias, co efecto multiplicador que ten todo isto. Estamos falando de 130 centros con 20 ou 25 alumnos implicados, a súas familias e as súas contornas, etcétera.
O proxecto, que é transversal ás distintas materias do alumnado, leva en funcionamento sete anos dentro do Plan Obesidade Zero de Galicia e a previsión é estendelo para o curso que vén a máis centros de ensino.