Publicador de contidos
Publicador de contidos

A sétima vítima do accidente de autobús tiña 47 anos e era natural de Vigo

A sétima vítima do accidente de autobús tiña 47 anos e era natural de Vigo

O fillo da supervivente alertou de que súa nai viaxaba acompañada por outra muller 

A retirada do autobús, pendente da análise da carga que pode soportar a ponte e da baixada do caudal

(EFE/Garda Civil)
G24.gal 26/12/2022 11:19 Última actualización 26/12/2022 21:12

O corpo da novena pasaxeira do autobús que en Noiteboa caeu ao río Lérez foi recuperado este luns, despois de ser avistado esta mañá polo helicóptero Pesca I.

O delegado do Goberno, José Miñones, explicou que a busca se retomara logo de saberse da desaparición dunha persoa que podía ir no vehículo sinistrado. Trátase dunha muller duns 50 anos. Segundo relatou o delegado do Goberno, "ata hoxe non había constancia desa desaparición".

Foi o fillo da supervivente (unha veciña de Ponteareas que continúa hospitalizada no hospital de Pontevedra) quen explicou que súa nai viaxaba no autobús acompañada doutra persoa coa que se dirixía a cear en Noiteboa, e por ese motivo se decidiu retomar a busca este luns.

O sábado foran rescatados os dous únicos sobreviventeso condutor e unha pasaxeira, e dous cadáveres. Xa o domingo foron recuperados outros catro corpos, ata un total de seis vítimas mortais.

O número de persoas que había no autobús no momento do accidente era confuso. A cifra deuna o condutor, pero rectificouna en varias ocasións debido aos seus recordos das paradas.

Con todo, tras o reconto das familias que se puxeron en contacto con Emerxencias, tras atopar oito ocupantes do vehículo, o operativo deuse por finalizado de forma temporal o domingo.

Pero esta mañá, e ante a posible existencia desa novena pasaxeira, o operativo reactivouse.

O suceso produciuse ás 21:19 horas de Noiteboa na estrada nacional 541, arredor do quilómetro 67 en sentido Pontevedra, ao seu paso pola localidade de Pedre, en Cerdedo-Cotobade.

Respecto ás causas do sinistro, o delegado do Goberno dixo que as pescudas están abertan e que un grupo especial de investigación de accidentes da Garda Civil se vai desprazar á zona. "Imos ir con calma", dixo José Miñones, quen pedía prudencia, aínda que admitía que polos relatos das testemuñas as condicións climáticas podían ser un factor a ter en conta.

Sacar o autobús do río

Os técnicos continúan no punto, pendentes da extracción do vehículo do fondo do río Lérez. Non obstante, eses traballos aínda se van demorar. A enchente do río complica o operativo e agárdase que coa tregua que está dando o tempo, e que se prevé se prolongue ata xoves, poida baixar o caudal para poder retirar o autobús.

Tal e como explicaron este luns o delegado do Goberno, José Miñones, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, están a realizarse xa as probas de carga na ponte desde o que caeu o autobús para determinar se podería co peso dun guindastre para retirar o vehículo.  

"Ten que vir un guindastre de moito peso e están a valorar se a propia ponte podería aguantar o peso", dixo Cubela. Ao peso deste guindastre, lembrou o delegado do Goberno, sumaríase o do propio vehículo e o da "forza da auga", no caso de que o rescate do autobús sexa viable deste xeito.  

Inicialmente, explicou José Miñones, o Ministerio de Transportes traballa para recuperalo íntegro, pero non descartan fraccionalo se, finalmente, non hai outra opción viable. "Está todo aberto", explicou no punto do sinistro.  

Outro dos factores que preocupan aos expertos é o elevado nivel do caudal do Lérez, que exerce unha forza importante sobre o vehículo. "O caudal do río fai difícil este labor, porque a presión é moita", detallou Miñones, que incidiu en que o tempo dará estes días "unha xanela" sen choivas para baixar o nivel da auga.  

Con iso, confían en que "o mércores ou o xoves" o caudal do río "baixe" e se poida "aproveitar para facer ese rescate", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade