Cargando resultados...
Remolcan ao porto de Vigo un buque portacoches con problemas no motor
Pediu asistencia á altura de Monteferro e quedou atracado na terminal de vehículos de Bouzas
G24.gal
19/01/2025 14:12
Última actualización 19/01/2025 14:34
Dous remolcadores acudiron a auxiliar o buque portacoches Grande Atlántico, da navieira Grimaldi, que se dirixía ao porto de Vigo, tras pedir asistencia logo de sufrir problemas no motor cando navegaba á altura de Monteferro.
Segundo informaron fontes de Salvamento Marítimo, ocorreu sobre as 8:00 horas deste domingo. O buque, que saíu do porto de Zeebrugge, en Bélxica, quedou atracado na terminal de vehículos de Bouzas.
Non é a primeira vez que ten problemas un dos buques desta compañía. No peirao da Estación Marítima de Vigo segue amarrado outro barco tres meses despois de quedar á valga cando navegaba fronte a Viana do Castelo.