Publicador de contidos
Publicador de contidos

Requisan 135 quilos de ameixa en Poio mentres os furtivos os repartían entre familiares

Requisan 135 quilos de ameixa en Poio mentres os furtivos os repartían entre familiares

A Policía Local de Poio considera que se trata dunha "ínfima parte" do que extraen

Os axentes teñen constancia de que un grupo organizado "esquilma o mar de xeito ilegal"

Marisco intervido polos axentes/Policía Local de Poio Marisco intervido polos axentes/Policía Local de Poio
G24.gal 19/08/2023 09:32

Axentes da Policía Local de Poio interviñeron un total de 135 quilos de ameixa, capturados de xeito ilegal por furtivos, mentres os repartían entre os familiares.

A aprehensión produciuse o xoves e os axentes tiñan constancia de que un grupo organizado se dedicaba "a esquilmar o mar de xeito ilegal e continuo".

"Esta é unha ínfima parte dos que extraen semanalmente", puntualizaron os axentes. Así, este caso está relacionado cunha lancha que interviñeron sen ocupantes no municipio pontevedrés hai poucos meses.

A operación foi realizada diante do domicilio dos denunciados, onde repartían o bivalbo entre os seus familiares, introducíndoo dun piso a outro e a unha furgoneta alugada que se atopaba na porta. Así, procederon á intervención da mercadoría aos cinco membros dunha mesma familia, que segundo o relato policial, atentaron contra os axentes, tentaron intimidar e mesmo uns deles "alzou un pau de grandes dimensións" e "ameazounos de morte", polo que solicitaron o apoio da Garda Civil.

Marisco en sete sacos

Con todo, aprehenderon o marisco en sete sacos e procederon á identificación de cinco homes, que xa contaban con antecedentes por feitos similares. Posteriormente, o marisco foi pesado e devolto ao mar coa colaboración dos gardapescas de Poio.

Aos furtivos impútanlles un suposto delito contra a flora e a fauna, un suposto delito de atentado a axentes da autoridade e un suposto delito de ameazas graves, dando conta deles no xulgado de garda.

A policía sospeita que as ameixas non foron extraídas na zona de Poio e poden proceder da zona do Morrazo, de Praceres, en Pontevedra, ou da zona de Ribeira, na Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade