Remata sen éxito unha nova xornada de busca do home desaparecido no Lérez
Remata sen éxito unha nova xornada de busca do home desaparecido no Lérez
Todo apunta a que o padexeiro sufriu unha indisposición mentres se adestraba
A busca do padexeiro, interrompida este venres pasadas as sete e media da tarde por falta de visibilidade, retomouse coa luz do día.
As augas do Lérez seguen baixando turbias debido ás chuvias, que tamén incrementaron as correntes, circunstancias as dúas que dificultan os traballos e limitan a intervención dos mergulladores.
"Coas condicións que hai agora no río imos ás apalpadas. Hai 20 centímetros de visibilidade e entón, marcamos con cordas baixo a auga para que nos sirvan de guía e a ver se temos sorte", explica Celestino Gago, brigada xefe dos GEAS da Coruña.
Mentres, a busca en superficie esténdese desde a praia fluvial á saída da bocana. A Garda Civil e os Bombeiros fan o rastrexo en embarcacións, e as Policías Local e a Nacional baten a zona desde as beiras.
"Nós imos descartar as zonas en que a Garda Civil vai facer inmersións. Nós o que imos facer é limpar o río reiteradamente para intentar localizar o corpo", asegura Vicente Ferrería. Xefe do Servizo de Bombeiros de Pontevedra.
O padexeiro desapareceu este venres ao mediodía. Unha persoa que corría polo paseo do río foi quen deu o aviso, tras velo caer da piragua no treito urbano entre a Ponte das Correntes e a Ponte do Burgo.
Segundo a testemuña, nun primeiro momento logrou agarrarse á embarcación, pero acabou afundíndose nas augas.
O desaparecido, de 49 anos, é veciño de Pontevedra, con experiencia ampla en piragüismo e membro do Club Naval da cidade. Voluntariado do club está axudando tamén a dar con el.