Ribadeo acolle esta tarde un funeral polos mortos no accidente de Xove
Ribadeo acolle esta tarde un funeral polos mortos no accidente de Xove
As familias de tres dos falecidos velan os mozos na máis estrita intimidade
Non hai consolo en Ribadeo, de onde eran os catro mozos mortos esta fin de semana no accidente de Xove.
A vila, que hoxe remata cos tres días de loito oficial, prepárase para un funeral conxunto que se agarda multitudinario, ás cinco da tarde na igrexa parroquial de Santa María do Campo, presidido polo bispo da diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Non será de corpo presente. As familias de tres dos falecidos velan os mozos na máis estrita intimidade. E os restos da cuarta vítima, a rapaza máis nova, de 17 anos, xa foron trasladados ao Carballiño, para o seu enterro.
O condutor segue ingresado na UCI, en estado grave. E o sexto ocupante, que puido saír do coche polo seu propio pé e quedou con feridas leves, xa recibiu a alta hospitalaria.
Mentres, a Garda Civil trata de esclarecer as causas dun accidente que se produciu a douscentos metros do piso ao que se dirixían.
Os primeiros datos apuntan a que tres dos catro falecidos non levaban posto o cinto de seguridade. E á espera de coñecer o resultado das autopsias, e de tomarlles declaración aos superviventes, entre as hipóteses que analizan os investigadores estaría un posible exceso de velocidade ou unha distracción. Tamén tratan de determinar a hora exacta do sinistro, que puido ocorrer horas antes de que un particular atopase o coche accidentado na horta.