Rompen as ventás de sete coches aparcados no centro de Ribeira
Rompen as ventás de sete coches aparcados no centro de Ribeira
A intención era roubar, pero os ladróns non atoparon obxectos de valor nos vehículos
Os propietarios denunciaron os feitos na Policía Nacional, que investiga o sucedido
Na rúa dos Irmáns Nervión aínda se poden ver os cristais dalgúns dos coches asaltados na madrugada do domingo. Pasaba das seis cando varios particulares avisaron a policía de que había varios vehículos coas ventás rotas.
"Si, os coches xa non están, pero os cristais están aínda por toda a beirarrúa".
"Aproveitaron que é zona sen comercios, só ten un colexio, pola noite non hai ninguén mirando".
"Xa pasou hai pouco na rúa Cordieiro, non romperon nada pero rascaron todos os coches", din unhas viandantes.
Ao parecer, os asaltantes empregaron a tapa metálica dun rexistro para esnaquizar os cristais. Remexeron o interior dos vehículos coa intención de roubar, aínda que non lograron facerse con obxectos de valor.
"Xa non deixas cousas dentro, pero a faena é que che rompan as xanelas ou che piquen as rodas, se tes que saír urxente xa non podes. Aparcar na rúa en Ribeira é un perigo, hai que metelo sempre nun garaxe", di unha veciña.
A Policía Nacional de Ribeira confirma que os propietarios dos vehículos afectados xa puxeron as respectivas denuncias. Mentres, os veciños din que cada vez teñen máis medo de aparcar na rúa.
"Aquí non tanto, pero pola parte de arriba desta rúa xa teñen queimado coches, rompen os cristais, ráianos e mesmo lles poñen letras", lamenta outra veciña.
A Policía busca os autores destes roubos, máis graves polos danos causados nos coches ca polos obxectos subtraídos.